Friday 01 de November de 2024

San Sadurniño licita a xestión da cantina de Currás durante o verán


O Concello agarda un aumento do número de persoas usuarias trala remodelación da área recreativa

Desde este venres 12 e ata o próximo 26 de maio estará aberto o prazo para que calquera persoa autónoma ou empresa poida presentar a súa proposta de cara a xestionar a cantina da área recreativa de Currás durante os meses do verán. Trátase dun contrato menor que se resolverá en base á oferta económica que se faga -o mínimo son 150 euros-, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura, o programa de limpeza das instalacións ou a variedade de produtos que se ofrezan. Os pregos completos e a folla normalizada de presentación da proposta técnica e económica poden descargarse desde esta ligazón.

As condicións que deberá cumprir o adxudicatario ou adxudicataria da xestión son varias. A primeira refírese aos horarios de apertura, xa que a cantina terá que permanecer aberta entre o 16 de xuño e o 17 de setembro -ambos os dous días incluídos- e, como mínimo, entre as 15.00h. e as 21.00h. durante todo o período, así como os luns, mércores e venres das 11.00h. ás 14.00h. dos meses de xullo e agosto, xa que eses días haberá cursos de natación polas mañás. Trátase de horarios mínimos que as licitadoras poderán ampliar, posto que é un criterio que os pregos valoran cun total de 10 puntos.

Outro compromiso que se deberá adquirir é o de manter as instalacións en perfecto estado de limpeza. Un requisito que abrangue o espazo da cantina e a área recreativa separada das instalacións do vaso, posto que os vestiarios e o mantemento das instalacións de baño correrán por conta da empresa que xestione o servizo da piscina durante o verán. O Concello valorará ata con 20 puntos o apartado do plan de xestión e de hixiene, que non só se refire á limpeza das instalacións, senón tamén ao cumprimento exhaustivo da normativa en materia de manipulación e almacenamento de alimentos e ao establecemento dun sistema de control hixienico-sanitario.

A este respecto o Concello permite a venda de bebidas e refrescos, bocadillos, tapas e racións ou menús variados, que deberán especificar a súa composición e estar recollidos nunha lista de prezos e nunha carta redactada en galego, de acordo coa ordenanza de normalización lingüística. Os pregos inclúen como cuestión valorable con ata 10 puntos que se ofrezan produtos autóctonos comercializados no propio municipio. No referido á atención ao público, a convocatoria tamén marca a obrigatoriedade de dispensar un trato cordial ás persoas usuarias e de ter á súa disposición documentos de reclamación que, no caso de producirse, deberán ser comunicadas ao departamento municipal de Deportes.

O último aspecto valorable neste procedemento será o do canon que deberá satisfacer a empresa ou persoa autónoma adxudicataria da xestión. O Concello puxo 150 euros como mínimo e, a partir de aí, as candidaturas poderán subir nas súas ofertas o que consideren oportuno tendo en conta que este apartado suporá 60 puntos no total da valoración.

As ofertas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata o día 26 de maio. A documentación pode consultarse na Secretaría-Intervención ou ben descargarse desde a ligazón que hai ao pé desta noticia, onde se atopan os pregos da convocatoria e tamén a folla normalizada para presentar as propostas.

Novo espazo de Currás
O Concello introduciu este ano unha modificación nos criterios de valoración das propostas para incrementar o peso do canon na puntuación final. De feito, a oferta de maior contía económica obterá 60 puntos, mentres que o ano pasado este apartado só supuña un máximo de 40.

Porén, tamén cómpre ter en conta que a área recreativa de Currás xa non é a mesma do ano pasado trala remodelación acometida no recinto. Hai un novo aparcadoiro, máis espazo para o xogo e o deporte e unha área de lecer con lareiras e 16 merendeiros -12 deles con sombra- que son o complemento perfecto para a piscina e a cantina e que, case con total seguridade, incrementarán o número de usuarios e usuarias coa chegada do verán.

As obras leváronse a cabo con cargo á partida de 135.000 euros asignada a San Sadurniño dentro do Plan de Acción Social 2016 da Deputación da Coruña. Ademais da redistribución do espazo e a ampliación do equipamento, o proxecto tamén permitiu mellorar a comunicación entre os distintos elementos do contorno -cantina, piscina, merendeiro e áreas de xogo-, co obxectivo de facelos máis accesibles e usables durante todo o ano.

A intervención está presidida por un grande mural -30 metros de longo por 6 de alto- obra de Carlos García e Marina Goti, da firma 2Duendes. O deseño é unha alegoría do territorio na que se reflicten a natureza, a tradición a cultura e o deporte.